Saturday 18 de May de 2024

O alcalde detallou aos veciños as melloras que se van introducir nas obras de Carreira do Conde


A rúa será semipeonalizada, deixando unha liña de estacionamento no lado do muro, se ben o Concello non renuncia nun futuro á completa peonalización, cando se teñan as alternativas axeitadas para o aparcamento no Ensanche

O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, mantivo esta mañá unha xuntanza coa asociación de comerciantes Santiago Centro e coa asociación de veciños Raigame para explicarlles as melloras que se incorporarán ás obras de humanización da rúa Carreira do Conde.

Comunicoulles que a rúa será semipeonalizada, deixando o paso do tráfico e una unha liña de estacionamento no lado do muro, se ben o concello non renuncia nun futuro á súa completa peonalización, unha vez que se teñan as alternativas e solucións axeitadas para o aparcamento no Ensanche.

Neste sentido, o Concello está traballando en varias direccións: por un lado, continuaranse as negociacións coas concesionarias dos aparcadoiros públicos para mellorar o sistema tarifario e incorporar bonificacións, facilitando desta forma o comercio local. Por outro lado, estanse a facer os estudos necesarios para a construción dun novo párking na avenida da Coruña.

Como complemento a todo o anterior, o Goberno porá en marcha unha campaña de promoción do comercio local con cargo ao remanente do ano pasado, medida que xa foi aprobada polo pleno da Corporación o pasado 10 de abril e á que se destinará un total de 100.000 euros.

Máis melloras
As anteriores non son as únicas melloras que se introducirán na obra. Tal e como xa se tiña avanzado, o graderío previsto será substituído por unha zona axardinada. Ademais, vanse soterrar os contedores, mellorarase a accesibilidade ás vivendas traballando as rasantes e mellorarase a iluminación ornamental do muro.

Carreira do Conde

Os traballos na rúa Carreira do Conde céntranse na humanización desta área situada no inicio do casco histórico compostelán, o que significará unha importante mellora na calidade de vida dos habitantes desta zona da capital compostelá, ao tempo que se conserva o patrimonio histórico urbano. Deste xeito, os veciños de Santiago de Compostela poderán gozar dun espazo máis ordenado e accesible nunha zona comercial da cidade e dunha nova distribución de usos con redución do espazo destinado ao tráfico rodado en favor do tráfico peonil e o aumento da superficie axardinada, ademais de axustar ditos percorridos á posición real dos pasos de peóns.

Coa humanización conseguiranse beneficios ambientais, de calidade de vida, diminución dos ruídos, menos contaminación, máis espazo para os cidadáns e menos para os vehículos.